domingo, 21 de febrero de 2016

ORGULLOSO DE SER CIGARRÓN.

Chámome Ían Fernández Benito e son cigarrón. Vouvos contar o meu sentimento sobre a beleza do traxe e a tradición que leva consigo. Para min máis que un traxe é un sentimento. Espero todos os dias do ano a que chegue o entroido. Un mes antes do domingo de Corredoiro comeza a ferverme o sangue, comezo a sacar as chocas ás rúas para ir preparando o corpo, porque o traxe non vale vestilo de calquera maneira senón que hai que vestilo co orgullo que se merece. Eu describiríao como un dos maiores praceres que se poden gozar nesta vila, ese arrepío e esa pel de pita que se pon ó escoitar as chocas por primeira vez dende o ano anterior. Ese sentimento en poucos lugares se pode sentir, por este motivo temos que coidar desta tradición como se da nosa vida dependera, “é o que nos queda”, o entroido de Verín, para min o mellor do mundo enteiro polo meu sentir. Xa rematado este entroido despídoo con moita mágoa, pero orgulloso de ser cómplice del e de gozalo como nada. Deica o ano que vén, meu traxe querido, deica o ano que vén, o mellor entroido de todos! Espérovos con moita paixón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario