martes, 12 de enero de 2016

CANTAROLAS DE ANISIA E NEIRA VILAS

Queremos facer unha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro lendo o seu penúltimo libro publicado. Os primeiros doce poemas cos que empeza o libro son da autoría de Anisia Miranda e os vinte restantes de Xosé Neira Vilas. Teñen moitos aspectos en común, especialmente o contorno en que se moven e mesmo algúns tratamentos formais. Son poemas de estruturas moi sinxelas, relacionados directamente na súa forma coa literatura popular e cheos de ritmo e musicalidade; descritivos ás veces e intimistas outros, amosan o grande amor á terra dos autores e son quen de toca-las cordas máis sensibles dos lectores e das lectoras. Salienta de xeito especial a constante presenza do medio natural do noso país, relacionando os seus elementos, especialmente no caso dos poemas de Neira Vilas, con asuntos de fondo contido social, como a igualdade, a liberdade, a emigración, o traballo, etc. Discorren polos poemas do libro animais como a ra, o cabalo, os grilos, as bolboretas ou a xoaniña; e outros elementos da natureza como o río, a chuvia, o sol, o carreiro, os espantallos ou as árbores. Descríbense, cun léxico moi rico e preciso, intensas sensacións que son lamentablemente alleas en xeral ós rapaces e rapazas do medio máis urbano.

 

Aquí podemos ver algunhas páxinas. Nós na clase lemos estes poemas cheos de expresividade que nos levan á vida rural, á natureza de noso. Dividido en dúas partes, a primeira é a creación de Anisia e a segunda a de Neira Vilas. En ambas as partes gozamos coa poesía infantil que nos transporta á recreación da ledicia e dos xogos. Ilustramos algún dos poemas. Atopamos agochado o contido social deles o que espertou o noso interese. Algúns dos poemas están musicados. Podemos escoitalos aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario